30.1.13

Acrósticos para a paz

      Aquí tedes a aportación do alumnado do club de lectura de 1º A e B de ESO para a conmemoración do Día da Paz .
Acrósticos do Día da Paz

27.1.13

Os finalistas de Relatos con Banda Sonora

Presentamos aos tres alumnos de 2º de ESO finalistas do concurso de Relatos con Banda Sonora.
Dende o 29 de xaneiro ata o día 1 de febreiro calquera alumno do centro pode votar na urna que estará a vosa disposición diante da aula de música durante os recreos. Haberá unhas papeletas nas que elixiredes ao que máis vos guste dos tres finalistas e nas que escribiredes o voso nome, apelidos e curso ( para evitar duplicidade de votos)


25.1.13

Fina Casalderrey nova académica da RAG

UNHA ESCRITORA DE L.I.X. NA ACADEMIA


A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!

23.1.13

LOGICOMIX


LOGICOMIX. Apostolos Doxiadis e Christos H. Papadimitriou. (2011)
Unha novela gráfica sorprendente que converte algo tan árido como a matemática e o terremoto conceptual que sacudiu os seus alicerces cara a finais do XIX e durante as primeiras décadas do XX nunha aventura apaixonante, narrada por un dos seus protagonistas: Bertrand Russell.Cubrindo un lapso de sesenta anos, a novela gráfica Logicomix inspirouse na historia épica da busca dos Fundamentos das Matemáticas. O libro conta a súa historia nunha forma atractiva, á vez complexa e accesible. É a razón filosófica da loita no trasfondo da axitación emocional e persoal, así como os acontecementos históricos transcendentais e as batallas ideolóxicas que lles deron origen. O narrador é o máis elocuente e enérxico dos protagonistas da historia, o gran lóxico, filósofo e pacifista Bertrand Russell. É a través dos seus ollos que as urxentes necesidades de grandes pensadores como Frege, Hilbert, Poincaré, Wittgenstein e Gödel saen a flote, a través da súa propia participación apaixonada na devandita busca.

21.1.13

Finalistas de relatos con banda sonora

           Xa temos os primeiros finalistas do concurso de relatos con banda sonora organizado polos departamentos de música e lingua castelá e coa colaboración da biblioteca do centro. Agardamos poder ofrecervolos neste blog moi pronto.


18.1.13

Concurso de acrósticos de San Valentín

A biblioteca do IES Lama das Quendas convoca un concurso de acrósticos para celebrar o día de San Valentín. Desexamos que vos animedes a participar e que botedes a vosa imaxinación a andar.
Aquí vos deixamos as bases :

17.1.13

Obradoiro de acrósticos

            O club de lectura de 1º B reuniuse este martes ( ao igual que fixeron os de 1º A na sesión anterior) para facer uns acrósticos para o día da paz. Estes traballos serán expostos no centro co gallo da conmemoración deste día. Como podedes ver as reunións do club de lectura son moi animadas e agardamos que o sigan sendo. Para ver máis instantáneas podedes visitar o blog do club de lectura.

16.1.13

Coco, de la rebeldía a la leyenda de Chanel

 Coco, de la rebeldía a la leyenda de Chanel. Anne Fontaine. (2009)
Céntrase nos anos de aprendizaxe da gran deseñadora de moda e demostra como unha moza dunha familia moi modesta, autodidacta pero dotada dunha personalidade excepcional, chega a ser un símbolo de éxito e liberdade, creando a imaxe da muller moderna despois de telo sido ela mesma.

14.1.13

Xoeliki, as aventuras dun ciberpirata. O grande apagamento

Xoeliki, as aventuras dun ciberpirata. O grande apagamento. Abraham Carreiro. Sotelo Blanco. (2012)

Un libro recomendado para o primeiro ciclo de ESO.
“Xoeliki e os ciberpiratas volven con novas aventuras. Esta vez a Internet está apagada, apenas funciona. As rúas tamén están ás escuras, non teñen iluminación. É o Grande Apagamento. Hai que devolver a luz! Mr.Virurs intentará acabar coa Escola Pirata de novo e perpetuar esta escuridade para sempre. Polo camiño, Xoeliki descubrirá máis cousas de seu pai, coñecerá novos personaxes como Yoshio, un neno xaponés, especialista en inventar aparellos informáticos, Xurelo, Alicia –Directora de Sistemas de Indización e Recuperación de Google… – e tamén topará coa PPI –Policía da Propiedade Intelectual-, con arañas cibernéticas, microchips antidepresivos, labirintos e ata cun meteorito.”
O novo libro das aventuras de Xoeliki ten moitas sorpresas! É aínda máis interactivo e crossmedia que o primeiro, con moitos enlaces para seguir a historia do libro en Internet.

11.1.13

Dragal III






Dragal III. Elena Gallego Abad

FÓRA DE XOGO Xerais. INFANTIL E XUVENIL. (2012)
Os membros da Fraternidade de Dragal xa iniciaron o seu regreso co fin de cumprir co xuramento de sangue que fixeron os seus devanceiros na época medieval. Para que a profecía se cumpra, os sete cabaleiros teñen que reunir as claves da Ciencia Secreta na cripta do dragón e pechar o círculo da vida. Á media noite da primeira lúa chea do equinoccio de primavera, a luz da lúa penetrará na cripta do dragón para coller a súa barca funeraria e descender ao reino dos mortos, brindando unha promesa de resurrección co abrente. Será daquela, no momento en que a luz da lúa chea se bañe no interior do ovo alquímico, cando se perpetuará a estirpe do dragón. Visita interiora Terrae rectificando invenies occultum lapidem…

10.1.13

Los mejores relatos españoles del siglo XX

Los mejores relatos españoles del siglo XX Varios autores. Alfaguara (Santillana) Literatura xuvenil en castelán(+ de 14 anos).

Este libro é, principalmente, unha colección de ficcións literarias, de invencións da imaxinación feitas con palabras escritas, e aí está o seu sentido e a súa verdadeira substancia. Unha perfecta combinación para gozar dun xénero que podemos chamar contemporáneo: o conto literario.

9.1.13

O corazón de Xúpiter


O corazón de Xúpiter. Ledicia Costas

INFANTIL E XUVENIL>FÓRA DE XOGO (xerais, 2012)

Non foi doado para Isla mudar de cidade e empezar de cero nun novo instituto. Devecía por dar un paseo polo espazo, avistando planetas a través do telescopio, mergullada no ventre do universo. Casiopea, o nome da tartaruga máxica de Momo, era o nick que empregaba nos foros sobre astronomía nos que participaba adoito. Alí coñeceu a Xúpiter, alguén que semellaba saber moito de estrelas. As longas conversas até ben entrada a madrugada prenderan unha luz, entre os dous existía unha maxia que traspasaba as fronteiras do ciberespazo. Isla sentiu a necesidade de sabelo todo sobre Xúpiter: onde vivía, a que instituto ía, o seu nome real… Quedaron para se coñecer nunha noite de San Xoán de cacharelas e mar embravecido. Foi entón, despois de despedirse da súa amiga Mar, cando Isla se precipitou na escuridade. A súa vida estaba a piques de cambiar para sempre.

7.1.13

T/. Error

T/. Error. Jordi Sierra i Fabra. El árbol de la lectura (Oxford). 2012. Literatura xuvenil en castelán (+ de 12 anos)
Nunha localidade de veraneo próxima a Barcelona aparece o cadáver carbonizado dunha moza. Sen explicación aparente, as primeiras sospeitas de asasinato pronto recaen sobre un misterioso rapaz, chamado Alfredo. Novas mortes afectan á cuadrilla de adolescentes que protagoniza esta historia, á que en parte accedemos a través dos fragmentos do diario de Aurelia, unha moza cuxa personalidade tamén presenta algúns claroscuros. Nesta novela as relacións adolescentes e os problemas propios desta idade mestúranse co terror e o sobrenatural.