22.11.18

Instruccións para tomar café

Un feixe de relatos quizás inspirados, como fai pensar o título deste libro, naquel modelo que Julio Cortázar fixo célebre cando explicaba como subir unha escaleira ou como darlle corda a un reloxo. Todos eles, ademais, insírense nunha tradición do que se podería chamar “micronarrativa”, homenaxeando por unha banda voces que van de Castelao a Dieste mais tamén aqueloutras que se quixeron achegar, conscientemente, á narrativa dominada polo humorismo e o enxeño como a que se encerra en propostas de Afonso Álvarez Cáccamo ou de Gonzalo Navaza.


Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala
Ed. Galaxia ,2017
Un concentrado de narracións que inclúe, en pouco máis dun cento de páxinas, catro volumes diferentes: un libro de reclamacións, un libro de estilo, un libro de instrucións e un libro de contos. Os temas dos relatos poden dar unha pista, ou se cadra todo o contrario: estes textos están escritos partindo do que parece non ser, condición sine qua non para chegar a ser algo. Entre eles, por exemplo, un "libro de instrucións" para non galegos dirixido precisamente a estes.
Así, algúns títulos que falan de seu: "Cocido familiar", "Amputado", "Gastronomía transfronteiriza", "Poesía oriental", "Instrucións para parecer intelixente", "Instrucións para parecer galego I, II e III", "Instrucións para falar do tempo", "Sacrificio", "Competencia" e "Pro – dutividade". Neste conxunto de relatos indágase sobre nós mesmos, sobre o que nos fai grandes como seres humanos e tamén arredor das nosas mesquindades, sobre o que nos define como persoas e como galegos, e todo isto dende a ironía, cunha perspectiva impregnada de humor e retranca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario