Premio Losada Diéguez de
creación literaria, 2003 - Finalista Premio Novela Europea Casino de Santiago,
2002
Atuado na braña relata a
teima de Luís Salgueiro Pardo, un empresario da construcción acomodado e
triunfador na procura do seu pasado. Un segredo familiar, revelado pola súa
nai, convértese na chispa que provoca a busca das súas raíces e a verdadeira
identidade da súa familia biolóxica. Luis Salgueiro deixará o temón da súa
empresa en mans de persoas da súa confianza e acometerá unha viaxe apaixonada
cara ás súas orixes agachadas na Casona do Saviñao e na braña lamacenta de
Bouzuás, onde se ocultan, dende hai anos, a Meiga e dúas rapaciñas novas. Unha
viaxe na que Luis Salgueiro poñerá en risco a súa propia vida e suporá reavivar
unha ferida que, despois de corenta anos, aínda segue aberta. A represión
militar dos anos da posguerra (cando a garda civil perseguía aos últimos
guerrilleiros), os receos da xente da aldea, a crueldade dunha implacábel e
feroz persecución que non rematou e unha vida que, paseniñamente, se vai esfarelando,
levarán, nunha narración cargada de intriga, á descuberta duns froitos que só a
porfía dun home capaz de enfrontarse aos demais e á natureza pode acadar.O eixo
desta novela extensa e ambiciosa, escrita nunha prosa fermosísima e
engaiolante, reside na necesidade que sente o protagonista, ese antiheroe
vividor e elitista, de acometer unha descuberta profunda sobre quen é, sobre o
que sente, sobre a necesidade de enfrontarse o que non sabe de si mesmo, anque
poida sucumbir e perder todo aquilo que posúe. Novela longa á vella usanza,
impregnada de intriga sabiamente dosificada, que non se resolve ata a última
das súas 628 páxinas, aborda outros temas de actualidade: a corrupción política
e empresarial, os modelos de uso do idioma, as relacións interpersoais de
amizade e de parella, o pensamento mítico, ou as formas de vida tradicionais no
mundo rural galego. Atuado na braña é unha historia do presente que, coa
mestría dunha trama inzada de paixóns, odios, obsesións e desencontros, remexe
no pasado para encarar a procura da identidade.(Xerais)