O cuarto das abellas de Antía Otero. Xerais-Poesía. (2016)
Este libro nace da
tensión entre o doméstico e o salvaxe. O tempo detense na formalina dos
recordos e fai ecoar, nas celas da memoria, o misticismo indomábel de Emily
Dickinson: «A morte –escribiu ela nunha carta– é inofensiva, coma unha abella,
agás para aquelas que corren.» "O cuarto das abellas" é unha
abellariza de palabras, unha estrutura pechada e inquietante na que Antía Otero
esmelga o froito dunha poesía que é, no entanto, agre, sen almibres. Porque
amarga é a verdade, o amor e todo aquilo que aquí doe pola súa certeza. A
autora, entre un enxame de obreiras, adéntrase cautelosa na linguaxe e comparte
connosco o seu fermoso acto de risco, o perigo-mel duns versos que, coma o
veleno das abellas, proen e sandan á vez. Fran P. Lorenzo (xerais.es)
0 comentarios:
Publicar un comentario