A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz (2014)
Doce de abril de 1961: o
cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo
exterior. Comezaba a era espacial, e tamén unha década que traería grandes
cambios. Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos
sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun cuarto de
hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso. Daquela el tiña dez anos e gañara
un concurso escolar de redacción cun traballo sobre esa primeira viaxe
espacial. A raíz diso, os outros nenos pasan a chamarlle Gagarin, un sobrenome
que o acompañará durante toda a súa infancia e adolescencia. Mentres se apaga a
vida da nai, Miguel lembra os seus anos mozos, na Coruña da década dos sesenta.
Os seus rexentan unha imprenta e unha libraría de barrio, aparentan ser unha
familia coma as outras. Mais esconden perigosos segredos que Miguel irá
desvelando a medida que se abre á complexidade da vida. Unha vida na España
desa época, coa ditadura de Franco e a represión das liberdades máis básicas,
coa ameaza permanente da Brigada Político Social, a policía secreta do Réxime.
E tamén coa oposición clandestina, barreira imprescindible contra a barbarie.
Naquel tempo de mocidade, Miguel tamén experimenta a revolución interior que
supón namorarse. O arrebato da paixón e a dor da ausencia, nunha relación
marcada polas diferenzas de clase. Emocionante historia de amor, engaiolante
novela de formación e da memoria, A viaxe de Gagarin confirma a AgustínFernández Paz como mestre da narrativa do noso tempo.(Xerais)
0 comentarios:
Publicar un comentario