Funambulistas de Mercedes Leobalde García (2015) Narrativa- Xerais
XVI Premio de Narrativa
Curta Ánxel Fole
Que é vivir se non
camiñar pola corda frouxa? Esta idea é o xermolo de Funambulistas. Na vida
apenas hai certezas e mesmo aquelas ás que nos aferramos poden verse truncadas
en calquera momento. Procuramos con teimosía a estabilidade (profesional,
económica, emocional etc.) e, aínda que a teñamos, non podemos mantela
definitivamente: a estabilidade é un agasallo vulnerable, sen garantías.
Vivimos expostos a ventos e tempestades e dese xeito avanzamos pola corda
inestable, as máis das veces sen rede. Funambulistas é un libro de relatos
–moitos deles ligados entre si– de ampla variedade de situacións, de
circunstancias e de personaxes, nos que predomina a primeira persoa, a fin de
que os protagonistas poidan expresarse con propia voz. Do dramatismo ao
suspense, da denuncia ao humor, este libro de Mercedes Leobalde está
protagonizado por mulleres e homes retratados en situacións moi diversas:
algunhas cotiás, outras verdadeiramente excepcionais (o monxe en plena crise
espiritual, o náufrago no medio do océano, a muller maltratada que reúne forzas
para se rebelar, o xadrecista namorado, a ladroa do códice, a nai adolescente,
o home con tendencias suicidas, a enferma terminal disposta a espremer os seus
últimos meses de vida…).Con Funambulistas, Mercedes Leobalde móstrase como unha
hábil narradora para descifrar os camiños da vida. (Xerais)
0 comentarios:
Publicar un comentario