Xa temos a terceira e última entrega da triloxía Ámote leo A.
Ámote Leo A. Terminal
de... chegadas? de Rosa Aneiros . Xerais (2014)
Premio Irmandade do Libro
ao Mellor libro Infantil e Xuvenil do ano 2014
«Mamá, volvo á casa. Xa.»
Así lle escribe Leo á súa nai unha noite de primavera, catro meses despois do
inicio da súa fascinante viaxe polo mundo. A moza non ten gana de máis. Pero
non se trata dunha rendición, velaquí unha auténtica arroutada sentimental,
rosma Leo ao tempo que centos de imaxes golpean a súa cabeza. O roubo e as
cascudas de Barcelona. A saia de tule de Praga. O piso do Trastévere. O Gran
Canal de Venecia. O incendio da Alhambra nos ollos. O cheiro das xardas asadas
de Eminonu. A mirada triste de Zerdali na Capadocia. As cobras da praza
Djema-El-Fna. E, inseparable a todas as lembranzas, esa misteriosa mensaxe que
aparece nos recantos máis insospeitados dos lugares que visita: Ámote Leo A.
Pero esta madrugada do 11 de maio a Leo tanto lle teñen as pintadas, a morriña
do vivido ou os soños aínda por cumprir. Só devece por regresar á casa. En
cambio, unha sucesión de acontecementos inesperados fará que a súa vontade dea
varias voltas sobre si mesma ata deixala ao bordo do precipicio. Deberá decidir
entón se se atreve a dar o gran salto cara ao descoñecido. Claro que isto
poñería a súa viaxe patas arriba e podería conducila ao máis alto dos seus
desexos ou ao máis escuro dos abismos… Que fará Leo nesta encrucillada?
Cumprirá o seu propósito de chegar á casa o 8 de xullo, tal e como prometera?
Recuará sobre os seus pasos, ou asomarase ao precipicio dun novo e inesperado
destino? Terminal de… chegadas é a terceira e última entrega da triloxía Ámote
Leo A. Logo de Destino xalundes e Estación de tránsito, a moza solta os
derradeiros lastres que lle quedaban e camiña sen cargas por un mundo no que se
borraron todas as fronteiras. Seis meses, seis mil euros, e nada parece ter
agora importancia. Tan só resta por saber unha cousa: regresará Leo algún día?(Xerais)
0 comentarios:
Publicar un comentario