Terradentro de Xosé Benito Reza. Narrativa-Xerais. (2017)
Nunha vila galega do interior, próxima á fronteira, a vida
fervía a mediados do século pasado. Era un mundo onde a luz a puñan os paisanos
das aldeas que daban de comer aos vilegos e as sombras proviñan da memoria da
guerra civil e dos fuxidos, daquela aínda ben presentes. Neste escenario
desenvolve a súa vida o avogado da vila, considerado como un home perspicaz,
que se verá enleado en tres misteriosos asuntos cuxa orixe pretenderá desvelar:
a morte violenta dun vello fidalgo no seu casarío, un “home arisco illado do
mundo no seu cotarelo”; a busca na penechaira espida da fronteira dos “tesouros
que deixaron ocultos os mouros en lugares cheos de trampas”; e a inesperada
aparición da cadela do alcalde pintada de verde.“Terradentro” é unha novela onde
o narrador, apremado polo paso inexorable dos anos, decide recrear as paisaxes
e a vida que xiraba arredor dunha desas vilas galegas en perigo de extinción,
as que contaban con xulgado, notaría, rexistro, botica, médico, dentista,
estafeta de correos, centraliña telefónica, cuartel, arcipreste, coche de liña,
fondas e comercios de todo tipo para dar cobertura a un universo de centos de
pequenos lugares que gravitaban ao seu redor nunha simbiose perfecta hoxe
perdida. Unha novela de lectura engaiolante onde se mestura de xeito moi
orixinal a intriga coa indagación nos fíos da memoria e da paisaxe. (Xerais)
0 comentarios:
Publicar un comentario