O pasado venres,15 de marzo , chegou ao noso centro, da man da Editorial Anaya o escritor ( aínda que a el lle dé vergoña chamarse así) Pedro Mañas.
Era o encontro que poñía fin á tempada de reunións con lectores tras 18 sesións anteriores e foi fantástico.
O alumnado quedou gratamente impresionado e marabillado. Para que o comprobedes e xulguedes vós mesmos ,copiarei algunhas das reflexións que voluntariamente fixeron rapazas e rapaces de 1º de ESO.
Laurar Rey Eiriz di «A visita de Pedro Mañas pareceume moi interesante porque , ademais de explicarnos curiosidades sobre a súa maneira de escribir, os seus libros , como era o traballo dos ilustradores... tamén nos aportou información sobre a súa vida cando era da nosa idade, cando era máis pequeno ca nós e cando era xa un adulto. É de destacar a súa simpatía e naturalidade á hora de falar en público a pesar do seu vello medo a falar diante de centos de nenos (que hoxe ten superado). Encantoume a visita ».
Brais Cuñarro Fernández conta que « como gran escritor de literatura infantil e xuvenil , a presenza deste autor no meu instituto chamoume moito a atención xa que pensaba que sería unha persoa inaccesible, pero ao coñecelo e escoitalo foi toda unha gran sorpresa pois foi cercano , amable e un máis entre nós. Gustoume o seu libro pero telo diante foi algo incrible».
María Enríquez Díaz comeza contando que Pedro Mañas falou dos seus libros, de como era o seu traballo e como chegou a ser escritor, os premios recibidos... e continúa aportando datos « falounos de que a súa axudante é a súa irmá Irene que foi quen lle preparou a presentación dixital que nos amosou. Pareceume unha persoa simpática, amable e con grandes habilidades para facer sorrir aos demais.Eu imaxinábao maior, de 50 anos ou así,baixiño e de pelo branco. Todo o contrario do que é. Crin que só iba a explicar partes do libro pero levei unha sorpresa ao escoitalo».
Claudia Salgado Negral sinala que «durante a súa visita , Pedro Mañas, foinos contando a súa traxectoria profesional como escritor dunha maneira moi divertida e amena. Posteriormente puidemos preguntar todas as nosas dúbidas sobre Apestoso tío Muffin e o seu traballo como autor. Finalmente organizouse a sinatura dos libros dos presentes ».
Uxía Fernández Méndez escribe que Pedro Mañas « explicou a historia dos personaxes dalgúns libros seus, os concursos que gañou... Dende pequeno gústalle ler e escribir por iso comezou con pequenas narracións ata o día de hoxe.É moi agradable, anima a que a xente faga o que lle gusta e recomenda ler. Co pouco tempo do que dispoñía aínda sacou para que lle fixeramos preguntas e asinar libros.»
Alba López Saa destaca que a conferencia lle pareceu «interesante porque nos explicou como realiza o seu traballo, as manías que ten á hora de escribir...O sentido do humor co que fixo a súa presentación a min convenceume de que escribir é a súa paixón» .
Como nos alegramos de que desfrutaran tanto!
Quen sabe se un día será calquera destes alumnos quen realice un encontro co alumnado do IES Lama das Quendas do futuro para animalos a ler e escribir! Oxalá!!
0 comentarios:
Publicar un comentario