A paisaxe é un produto das formas de ser, de estar, de pensar e de actuar de cada sociedade. A paisaxe galega de hoxe é o resultado das nosas formas de ser, estar, pensar e actuar, mais tamén das daqueles que nos precederon no tempo. Moitas das cousas que consideramos máis características da paisaxe de Galicia son o produto ou o efecto da acción humana, e non só diso que chamamos a Natureza. Este libro é unha especie de atlas arqueolóxico das paisaxes culturais de Galicia, e dicimos «unha especie» porque non é un atlas entendido no sentido convencional de conxunto de mapas; o que fai é describir as diferentes formas da paisaxe que se foron sucedendo ao longo dunha boa parte da historia do que hoxe é Galicia, dende a prehistoria até a época medieval. O relato parte do que coñecemos como paisaxe tradicional para, logo, ir na procura dos seus elementos típicos, xa presentes -ou ausentes- nas paisaxes que o precederon e o foron conformando. Porén, as paisaxes arqueolóxicas son algo que non existe; os seus restos, ou ben se incorporaron en gran medida a formas posteriores de paisaxe, ou ben subxacen relictos e esquecidos baixo estas. Por iso precisamente as chamamos arqueolóxicas.
0 comentarios:
Publicar un comentario