A Semana da Poesía chegou ao seu final por este ano.E que mellor remate que ter no noso instituto a dous poetas como Berta Dávila e Amauta Castro que o pasado venres se atoparon co alumnado de ESO e Bacharelato.
Comezou o alumnado de 1º de Bac. facendo unha presentación destes dous poetas que xa foran lidos e traballados por eles nas actividades que se desenvolveron durante estes días ,pero que o resto do alumnado non coñecía.
A continuación Amauta Castro falounos de como el chegou ao galego ( unha lingua na que non foi criado) e de como chegou ao coñecemento dos autores galegos que encheron a súa mochila de lecturas de modo que irremediablemente chegou á escrita (en galego).Cre na sinxeleza e na brevidade das composicións.E insistiu na boa arma que é cultura para eses momentos nos que nos sentimos na intemperie moral. A poesía pódenos axudar nos momentos de perda ( de amor, de morte...) , pero, iso si!, esas vivencias culturais xa deben estar no " noso sistema operativo" para que nos alivien no momento de necesitalas.
Posteriormente, contounos Berta Dávila como dende sempre foi unha grande lectora porque a palabra escrita era unha ferramenta que se compartía na súa casa. Así , grazas a un poema de Rafael Alberti ( que nos leu) descubriu que coa poesía se poden contar cousas da experiencia cotiá.Afirmou que a poesía non son os autores nin os libros, son os poemas. E procedeu a lernos algúns dos seus.
Rematou o acto coa lectura de poemas por parte de Amauta Castro. Composicións do seu último libro (o que nos aledou porque , por máis que o intentamos, non o demos conseguido).
Dende a biblioteca do IES Lama das Quendas agradecemos a visita de Berta Dávila e Amauta Castro e , especialmente , a xenerosidade de Amauta ao agasallarnos con dous dos seus títulos publicados.
Mención especial e agradecemento inmenso a Paz Fernández e o seu alumnado que nos permitiu vivir na poesía por uns días.
0 comentarios:
Publicar un comentario