Un relato en primeira persoa, que analiza as condicións económicas e
sociopolíticas nas que se produce, na actualidade, o coidado dos fillos.
Reivindicando o que poderiamos chamar unha ética dos coidados contra os
tópicos. Sen caricaturas.
Ed. Xerais ,2018
"Maternidade fóra de catálogo" é un ensaio próximo ao xornalismo
narrativo. Parte dun relato en primeira persoa, mestura de crueza e
humor, que aborda a crianza no contexto da cidade neoliberal. Arrinca no
embarazo, onde constata a activación de mecanismos sociais para marcar a
entrada nunha nova categoría preconfigurada. Descobre tamén as
barreiras e os tabús de ser madrasta. Desenvólvese durante o asentamento
en Madrid da autora e da súa filla aos poucos días de nacer. No medio
desa experiencia "Maternidade fóra de catálogo" analiza as dificultades,
a ausencia de políticas sociais e de axudas para a familia, a
imposibilidade de conciliar, a precariedade, as engrenaxes do crecente
modelo de explotación laboral coa ficción do emprendemento, a negación
sistémica do gozo e da paixón, o cansazo e a pechazón ante a evidencia
de novas realidades familiares. Fala tamén esta obra da separación das
amigas que non tiveron fillos, da importancia de seguir defendendo esta
opción vital e da necesidade de camiñaren xuntas. Detense nas orixes e
traxectorias do aleccionamento ás nais, co valente testemuño doutras
mulleres, e na demanda dunha nova masculinidade, á cal tamén se lle dá
voz. "Maternidade fóra de catálogo" pon fronte a nós o abismo da
disgregación co selo do mercado e algunhas opcións para sobrevivir.
0 comentarios:
Publicar un comentario