Do afán por trocar a «magna obra» en «opera aperta» para todos naceu esta Escolma- mostrario enciclopédico, que agora chega ao seu terceiro volume. Guindamos aquí a nosa xógara ao mar do tempo cara horizontes máis propicios para democratizar entre a cidadanía actual o patrimonio intelectual e verbal da que chamamos «Áurea e Magna Época Nós» (1916-1980), que eles elaboraron con moitísimos menos medios dos que nós dispoñemos. Educadores de luxo. Clásicos cuxo exemplo precisamos manter vivo como sexa. Para nos lembrar de quen somos. Para nos ilustrar de onde vimos. E para nos empurrar cara onde debemos endereitar con tino os nosos pasos na Historia. Para lograrmos ser libre e plenamente quen somos. Sinxelamente, persoas nadas dun Pobo posuidor dunha Tradición orixinal, vasta e complexa, que os nosianos souberon descubrir ao seu xeito e revelárnola como cosmovisión complexa, expresada no antigo e marabilloso idioma de noso. Persoas dun Pobo inscritas nunha sociedade democrática, plural, diversa e multilingüe cuxas minorías máis responsábeis en cada época deron o mellor de si, coa explícita pretensión de converternos nunha sociedade máis culta, máis libre, máis xusta, máis solidaria, tamén neste século XXI.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario