"Quen non coñece o Luceiro, unhas veces matutino e outras vespertino? Ningún astro cambia coma el de brillo, nin chega a igualalo, agás o Sol e mais a Lúa. É Venus, que xoga un pouco aos acochos co primeiro, porque unhas veces adiántaselle e vémolo ao amencer, outras atrásase e percibímolo pola tarde, pero nunca podemos velo tan afastado do Sol que sexamos capaces de observalo a media noite, nin moito menos. Máis escondido anda Mercurio, pois cando sae dúas horas antes ou se pon dúas horas despois do Sol, fai unha valentía. Parece que sempre ten frío e non quere separarse moito da fogueira solar. Mercurio é difícil de ver, hai que buscalo no crepúsculo e, como brilla moito menos ca Venus, pasa facilmente inadvertido nos escasos días que pode botárselle a vista encima.”
Astronomía a ollo ceibe, Ramón M. Aller (USC, 2016)
0 comentarios:
Publicar un comentario