Onte, 24 de abril, seguindo coas actividades para festexar o Mes do libro, desenvolvéronse dúas sesións na biblioteca co alumnado de 1º A e 1º B de ESO. O obxectivo perseguido era que cada autor dos traballos expostos nela nos explicara que fixo e outras cuestións que xurdiron (ou se provocaron) no momento.
Leron, ofertados pola súa profesora Susana, Memorias dun neno labrego, A filla do Ladrón de bicicletas, Bala Perdida e outros títulos en galego. E ,trala lectura, chegou o difícil: escoller que facer, como, en que soporte , con que medios...Toda unha cadea de plans que cada rapaz/a armou e que onte, diante dos compañeiros, debullou e pormenorizou para xustificar o seu traballo.
Na biblioteca puideronse observar e ler muráis , cómics de diferentes extensións, traballos en folios con e sen ilustracións, periódicos a pequena escala, po-ups, maquetas, xogos de mesa con preguntas, xogos de ordenador, book-tráilers ... Unha gran variedade que resultou interesante para o alumnado e o profesorado presentes que gozamos coas detalladas e xenerosas explicacións que aportaba o autor de cada traballo.
Como se de relatores maiores se tratara, foron moi profesionais e contestaron a todas as preguntas que se lles formularon sentíndose orgullosos do traballo realizado ( non é para menos!) e aprendendo novas posibilidades para próximas ocasións.
Moitas grazas a todos por seren como sodes e amosar do que sodes capaces ( alumnos e profesora ). Parabéns polo traballo realizado!!
Animámosvos a que sigades sendo así de creativos, entusiastas e xenerosos por deixarnos ver o que facedes.
E recomendamos ás familias que se acheguen ao noso centro para gozar e enorgullecerse do traballo realizado polos seus fillos. Agardámosvos!!
0 comentarios:
Publicar un comentario