Calquera rapaz pode ler, pero moitos non pasan de aí. Outros, gozan coa lectura e len outros libros ademais dos que lles prescribimos nas diferentes materias. E aínda hai outras persoas que parten das súas lecturas e utilízanas para aprender e pensar. Formar lectores ten , na nosa humilde opinión, esta triple dimensión de ler, desfrutar e aprender.
Na nosa biblioteca, durante todo este mes dedicado ao libro, contamos cunha exposición que imos titular : Un traballo de libro. Nela atoparedes muráis, xogos, cómics e outro tipo de traballos baseados nas lecturas que o alumnado de 1º e 3º de ESO realizou a proposta da súa profesora Susana Vázquez. Neles vese que o alumnado pensou e aprendeu das historias lidas.
Hai algúns sorprendentes pola súa minuciosidade, polo seu contido, pola súa estética...Todos son para eloxiar pola habilidade de que amosan ao interpretar os diferentes libros lidos ( Memorias dun neno labrego, Bala perdida, O Principiño, A filla do ladrón de bicicletas, O señor dos aneis, Dragal, 22 segundos, Unha estrela no vento, A praia dos afogados, Corredora...).
Non só poderedes admirar os muráis senón que libremente é posible coller os traballos e follealos, miralos e admiralos sobre as mesas e, á volta de vacacións, estableceremos quendas para que poidades xogar aos trivial, parchís e outros que construiron os vosos compañeiros de instituto.
Se queredes ver a
exposición só tedes que achegarvos á biblioteca no tempo de lecer , que
sempre está aberta, ou a calquera outra hora do horaio lectivo na que haxa persoal atendéndoa.
Agradecemos a Susana que animase ao seu alumnado a realizar esta actividade e que nos preste o material para que todos aprendamos algo.
Queda inaugurada a exposición! Non vola podedes perder! Lembrade que a entrada é de balde!!
0 comentarios:
Publicar un comentario